"A Esmorga" é o nome do Club de Lectura do I.E.S. A Xunqueira 1 de Pontevedra. É unha das actividades principais do Proxecto Lector. Contribúe a fomentar a lectura e a escritura e á adquisición das competencias básicas.

sábado, 2 de mayo de 2015

GUÍA E CUESTIONARIO DE O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS, DE MARCOS CALVEIRO (PRIMEIRA PARTE)


Comezo

Fíxate en que a novela comeza cunha cita dun tal Vincent (“Non esquezamos que as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas”) e cun debuxo que nos presenta a un pintor andando por un camiño rural. Despois aparece outra imaxe que presenta o inicio dun camiño e ó seu pé unha data imprecisa: “Verán de 1890”.

Primeiros capítulos

Capítulo 1

Observamos que aparece un narrador en primeira persoa que non di o seu nome, pero si que leva vivindo cunha tía da súa nai oito meses e que se separou desta, en París, cando tiña dezaseis anos.
Como é a relación coa tía Jojo?

Dá a entender cales poden ser as causas desta relación?

Un día ve como baixa do tren no apeadeiro de Chaponval “un forasteiro” que “levaba o sombreiro enfeitado con malvas”. O narrador, obedecendo a un impulso estraño, ségueo e observa como contempla Auvers, a localidade onde vive, e se dirixe a unha pousada.
Entón menciona a Gustave Ravoux, Adeline e Jules.
Quen son estes personaxes?

Capítulo 2

Ó día seguinte, o narrador axexa a saída do forasteiro da pensión. Ve que pasa pola vivenda do doutor Gachet e logo vai pintar –cousa que fai con moita paixón-. O pintor descóbreo e preséntase. É Vincent. Conversan e este proponlle que lle faga de guía. Ó saír da fonda, o narrador é obxecto da burla de Adeline.
Como é descrita esta?

Capítulo 3

O narrador trata sobre as súas tensas relacións coa tía Jojo, quen non tarda en manifestarlle o seu desgusto por velo acompañando ó pintor, que acode con frecuencia á casa do Doutor Gachet.
Por que vai Vincent á casa deste?

Que aspectos che parecen estraños da maneira de ser do doutor?

Algunhas veces, o narrador queda no seu cuarto lendo ás agachadas unha obra de Zola. Que sabes deste escritor?

Capítulo 4

O narrador segue acompañando a Vincent. Este desexa recuperar cadros que pintara no Sur. Grazas a el, coñece o sabor do chocolate con leite, que lle envía un empresario suízo, chamado Nestlé –creo que nos soa-, ó seu amigo, o doutor Gachet. O chocolate con leite serve para que o narrador entre nunha nova etapa na súa relación con Adeline.
Que sucede?

Capítulo 5

O narrador, avanzando na súa amizade con Vincent, visita o cuarto deste, en compaña do doutor Gachet, que é artista afeccionado e admira o talento do pintor. Entre as súas obras chámalles a atención unha.
Cal cres que é? Por que se caracteriza?

Ó mesmo tempo, vemos como Adeline Ravoux se vai amosando dunha maneira distinta.
En que consiste o cambio, a xuízo do narrador?

Capítulo 6

O pintor fálalle do seu pasado no Sur.
A que problemas alude?

Un día atópanse coas irmás Cavaignac, polas que ambos senten simpatía de inmediato.
Como lles gustaría que as pintase? Por que?

A relación do narrador con Adeline avanza un pouco máis.
En que sentido?

Cítase un novo escritor decimonónico.
-De quen se trata?

Capítulo 7

Este é un capítulo no cal se reflexiona sobre o paso do tempo. Vincent nótao curiosamente ó escoitar o son emitido por uns insectos, que lle afecta tanto que é incapaz de concentrarse na pintura dunhas barcas nas ribeiras do río Oise.
Que insectos?

En que lle fan pensar?

Capítulo 8

A tía Jojo é moi beata, así que leva ó narrador a unha entrevista co padre Teissier, que se amosa desagradable.
Por que?

A reacción do mozo é violenta, case está a piques de agredir ó sacerdote, guíndalle cos cartos que este tanto valora, e foxe. Bota moito de menos á súa nai. Máis tarde, atópase con Vincent na pousada. Este retrata paisanos e fálalle dun cadro moi famoso.
Cal?

Capítulo 9

Agora aparece un novo personaxe, o xendarme Rigaumont, arredor do cal parece haber certo misterio relacionado coa nai do narrador.
Que lle conta Rigaumont sobre ela?

Pola súa parte, Vincent está entretido limpando a súa habitación porque o seu irmán Theo, acompañado da súa familia, o vai visitar. O narrador discute coa tía Jojo e procura evitar a Rigaumont. Un suceso acontecido preto de Auvers faille pensar que o deixará en paz por uns días.
Que sucede no tren que se dirixía a Auvers?

Capítulo 10

O narrador e Adeline acompañan ó pintor unha noite, mentres este pinta. A escena amosa que os mozos van camiño de converterse en noivos. Gustave Ravoux deixa que a súa filla os acompañe a cambio de algo.
De que?

O pintor explica por que lle gusta tanto pintar de noite.
Cal é o motivo?

Capítulo 11

Vincent pinta a igrexa de Auvers. O padre Teissier amósase descontento, pero non intenta impedirllo. Curiosamente, pinta a parte traseira da igrexa e non a fachada principal.
Como o xustifica?

O pintor fala da súa familia e do seu pasado. Era fillo dun pastor protestante e el mesmo intentara ser pastor no medio de xente humilde e traballadora. Sen dúbida, era un home relixioso; para o narrador, que o ten idealizado, amosaba a fe dun santo (“un santo pecadento e bebedor”, matiza) e a sabedoría dun home que é capaz de ver cousas que un home normal é incapaz de ver. Esta lucidez prodúcelle dor.
Como intenta evadirse desa dor?

Capítulo 12

Vincent fálalle ó narrador da súa técnica como pintor (presume de ter a paciencia dun boi, pero nesta época fai máis dun cadro por día). Está nervioso e impaciente pola inminente chegada do seu irmán Theo e a súa familia. O narrador busca o niño abandonado dun paxaro para darllo como agasallo ó sobriño do pintor. Este meniño ten o mesmo nome que o pintor.
Que outra persoa levou o mesmo nome? Como o descubriu o pintor?

Capítulo 13

O narrador observa a distancia o encontro do pintor cos seus familiares. Séntese só nese domingo. Parécelle que a súa vida, sen a compaña de Vincent ou Adeline, carece de sentido. Detense a falar con Pierre, o gardaagullas, quen lle conta o sucedido no tren días antes.
Lembras que sucedera?

En quen pensa con tristeza o narrador ó escoitar o acontecido?

Capítulo 14

Neste capítulo, o pintor, logo de encontrarse cun grupo de campesiños, tras comentar a importancia da expresión dos ollos nun retrato, manifesta con paixón a súa maneira de pensar: “Paréceme moito máis intensa a alma dun home que todos os ouropeis e damascos do mundo, aínda que sexa un pobre esmoleiro, un esforzado mineiro ou a máis tirada das galdrapas. Esa é a miña xente e entre eles quero estar, vivir e algún día morrer” (páxina 73).
Atopas algunha ilustración na que se manifeste a importancia dos ollos ou a vida das xentes humildes?

Capítulo 15

Vincent conseguiu que a tía Jojo o aceptase lembrando as súas lecturas da Biblia, aínda que agora xa se considera máis ben descrido ou escéptico.
Cando se familiarizou tanto con este libro?

Que lle conta o narrador sobre o seu pasado en París? Canto tempo hai que se separou da súa nai, a quen bota tanto de menos?

Capítulo 16

Chega á pensión outro pintor holandés, Anton Hirchig. Vincent preséntalle de tal maneira ó narrador, que este se sente ofendido.
Por que?

Por outra parte, en contraste, Adeline pídelle perdón pola súa conduta anterior.
Que fixera antes e que desexa agora?

Capítulo 17

Vincent non lle pide desculpas ó narrador, pero intenta compensalo facilitándolle o encontro con Adeline. Si o fai Anton Hirchig. Falando con este, o narrador decátase de canto cambiou desde que abandonou as malas compañas de París.
Por que?

Capítulo 18

Vincent vai comer cos Gachet e lévalle como agasallo a Marguerite, a filla do doutor, polo seu vixésimo primeiro aniversario, un retrato no que aparece tocando o piano. O narrador achégase a Pontoise en compaña de Anton Hircher. Este asómbrase da velocidade con que pinta Vincent. Tras un encontro desagradable para Hircher, o narrador cre que este escapa de algo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario