"A Esmorga" é o nome do Club de Lectura do I.E.S. A Xunqueira 1 de Pontevedra. É unha das actividades principais do Proxecto Lector. Contribúe a fomentar a lectura e a escritura e á adquisición das competencias básicas.

lunes, 4 de mayo de 2015

GUÍA E CUESTIONARIO DE O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS, DE MARCOS CALVEIRO (SEGUNDA PARTE)


Capítulos finais

Capítulo 19

O narrador sae con Vincent ata Bessancourt, en busca dunha paisaxe diferente e atopan a un avergoñado Anton. Vincent pregúntalle ó narrador que ve nun cadro –unha parella no medio dunha fraga- e explícalle o que desexa pintar: “Pois aí as tes ante os nosos ollos. As forzas que moven o mundo, as mesmas coas que todos loitamos no noso interior. A orde divina fronte ao caos da natureza”.
Que nome lles pon ó home e á muller alí representados?


Capítulo 20

O narrador vai asimilando ideas pesimistas do seu admirado Vincent –o que se busca, foxe; o que se pretende evitar, vén ó noso encontro-. De feito, sucédelle algo moi desagradable: Jules e a súa panda danlle unha tunda. Rigaumont, o xendarme, acode na súa axuda, pero sen darse présa –non evita que lle peguen-, e logo pregúntalle pola súa nai.
Por que motivo lle pega Jules?

Que relación existe entre Rigaumont e a nai do narrador?


Capítulo 21

Vincent viaxa en tren ata París, temendo volver a experimentar algo que o angustia, relacionado coa súa estancia no sur de Francia. A morte dunha parente dos Ravoux permítelle ó narrador pasar un feliz domingo con Adeline. É un dos momentos máis agradables da súa relación amorosa.


Capítulo 22

Un día os nosos protagonistas visitan o xardín de Dauvigny, un pintor que pareceu atopar naquela terra o seu lugar no mundo.
Que significa para Vincent atopar o seu lugar no mundo? Cre o narrador que xa o atopou? Por que?


Capítulo 23

O narrador vai a Chaponval para recoller un envío de Theo para Vincent. Aproveita para levarlle un telegrama ó doutor Gachet, coa esperanza de ver a Marguerite, a filla deste, á cal o seu amigo parece admirar. Atópaa tocando piano e parécelle fermosa.
A que autor interpreta?


Logo acompaña ó pintor, quen representa nun cadro a un fato de mulleres segando. Di que parecían formar parte da terra, como as montañas e as árbores, dende moitos séculos atrás.
Que pensas que desexa dicir?


Capítulo 24

Os dous amigos dialogan mentres Vincent tenta pintar un cadro no cal aparezan moitos corvos fuxindo dun campo.
Que ten o narrador na súa man para conseguir esa imaxe?


O narrador atópase triste por varios motivos: nos últimos días case non ve a Adeline, está resentido con Rigaumont e Vincent cada vez bebe máis e ten peor humor. Cando por fin consegue o efecto desexado para que Vincent o plasme no cadro, ten un mal agoiro.
Cita a frase que parece manifestar este mal presentimento.


Capítulo 25

Un domingo, o narrador diríxese á fonda de Ravoux para visitar a Vincent. Atopa a este moi alterado.
Por que motivo?


O narrador semella sorprendido pola conduta do seu amigo, a quen esta vez non lle dá a razón. Coida que algún día el mesmo terá que pasar por unha situación parecida ante Gustave Ravoux, pero cre que el terá da súa parte a Adeline.


Capítulo 26

É o 24 de xullo, día da festa nacional francesa. Vincent odia o alboroto e talvez desexa evitar o seu encontro con Gachet, polo que se encerra no seu cuarto. O narrador charla co doutor Gachet, quen lembra anécdotas da guerra franco-prusiana. De súpeto, o doutor é atacado violentamente por Pierre, o gardaagullas.
Por que motivo?


O suceso conduce ó narrador ó pensamento de que ás veces ceo e inferno son as dúas caras da mesma moeda: algo pode ser bo para unha persoa e malo para outra.

Capítulo 27

Despois dun día de festa, preséntase un día de loito. As campás tocan a morto polas simpáticas irmás Cavaignac, que lle pediran a Vincent ser retratadas con roupas alegres. Este quere cumprir o prometido e solicita ó padre Teissier e ó sobriño herdeiro das defuntas que as enterren co seu cadro e vestidas con roupas de cor. Estes consideran que a petición do artista é unha insolencia. Vincent, amolado, regresa á fonda e evita ó doutor Gachet. Este, que xenerosamente desexa atender a Pierre, continúa narrando as súas vivencias da guerra.
Que anécdota, entre curiosa e macabra, lembra?


Capítulo 28

Neste episodio trátase sobre o enterro das irmás Cavaignac. O padre Teissier e, sobre todo, o sobriño, compórtanse de maneira ruín coas defuntas, o cal esperta a indignación dos veciños e de Vincent, que está deprimido, ademais, por unha noticia.
Cal é a nova que o deprime?

Que aspectos revelan o carácter insensible e interesado do sobriño?


Capítulo 29

Vincent realiza un acto que escandaliza á poboación de Auvers. Cal?

As reaccións da tía Jojo, Adeline e o narrador son diferentes. Para a tía, Vincent é un profanador de tumbas; para a moza, un tolo; e para o narrador, un sabio. A discusión entre os dous mozos chega máis lonxe do previsto. Adeline dille que ó seu pai el non lle gusta como noivo dela porque ten o carácter atolascado da súa nai. O narrador comprende que algo foi cambiando entre eles: perderon a espontaneidade do principio e van manifestando cualidades opostas. Observa que Adeline ten un carácter práctico e pensa no futuro, relacionándoo sempre coa idea de seguir co negocio dos seus pais.
Cal é o desxo do narrador? Ten as mesmas ambicións que Adeline?


Capítulo 30

Pasou unha semana desde o acontecido no capítulo anterior. O acto rebelde de Vincent segue creando polémica, ampliada posiblemente polo padre Teissier. Adeline, influída por este, chega a considerar que o pintor é un blasfemo que merece o inferno. O narrador sente que se está distanciando dela irremediablemente. Vincent, quizais para consolalo, fálalle do seu pasado e coméntalle que ás veces o amor á arte o afastou do amor humano e que ou ben amou cando con era correspondido ou ben rexeitou á persoa que o amaba. Aínda cre que Marguerite sentía algo por el e representaba, por tanto, a oportunidade dun amor correspondido.
Cita algunha expresión que revele o pesimismo do artista.


Pola súa parte, o narrador vai facéndose á idea de que o amor que Adeline sente por el non é moi profundo e pode ser incluso un obstáculo na vida que desexa levar.
Con que a compara?


Capítulo 31

Un día no campo vendo as tarefas dos campesiños sérvelles de consolo ós dous deprimidos amigos. Unha familia botando palla nova ó tellado failles reflexionar sobre as ledicias do traballo comunal e harmónico.
O verán, non obstante, entristéceos. Vincent séntese como unha ave engaiolada, desexosa de migrar e cortexar, na chegada da primavera.
Que considera necesario para sentirse libre?


En que se diferencian Vincent e o narrador neste sentido?


Capítulo 32

Dous días despois, o narrador, preocupado polo artista, a quen non viu nas últimas xornadas, decide vencer a súa teima de non aparecer pola fonda. Alí ve a Adeline asediada por mozos parisinos que enchen a terraza. Atopa a Vincent, bébedo e sucio, enfadado co seu irmán Theo.
Por que?


Ó saír, atópase con Adeline perseguida por un mozo. Ela desexa encontrarse con el na parte traseira da fonda.
Cal é a súa reacción?


Capítulo 33

Ó día seguinte, o narrador diríxese de novo á fonda, onde atopa a Adeline indiferente e a Vincent ofensivo e incluso violento. Deixa que este saia a pintar só. Cando o narrador volve a preguntar por el esa noite, Adeline cóntalle o sucedido.
Que sucedeu? Cal é a opinión do doutor Gachet?


Como interpreta os feitos o narrador? Como interpretas a actitude de Rigaumont, o xendarme, co narrador?


Capítulo 34

Vincent, ferido, está aparentemente tranquilo no seu leito. Desexa morrer e non di onde se pode atopar o seu irmán Theo, a quen desexan avisar do sucedido. O narrador, que coñece a súa dirección porque ten no seu poder unha carta que lle entregou Vincent, non quere dicila, pois cre que debe respectar o desexo do artista. Adeline, que sabe da carta, non está de acordo con el, así que lle colle a carta, le a dirección e vailla comunicar ó seu pai. Ademais, discute co narrador.
Que lle di? Por que lle pega unha labazada?


O narrador visita ó artista, que se atopa durmido. Ó meterlle a carta nun peto da chaqueta, atopa o revólver que Vincent usou e cólleo. Ó saír, atópase con Anton, que se dispón a partir cara a París, en busca de Theo. O narrador refúxiase na súa casa, rexeitando cruzarse con Adeline.
Que descobre alí?


Capítulo 35

Anton cóntalle o sucedido tras a chegada de Theo e a morte de Vincent ó narrador. Este pasa o día “xogando” co revólver.
Que lle pasa pola cabeza?


Anton dille que Vincent tomou a morte con resignación e sen pena; para el a morte era a “fin da tristeza”.
Que cres que quería dicir?


O narrador reflexiona sobre as últimas palabras do seu amigo e coida que a súa propia tristeza non terá fin, que só a compaña do artista ou Adeline foron un alivio pasaxeiro. Hai unha imaxe plasmada nos cadros de Van Gogh que lle vén á mente ó contemplar a súa situación.
Cal? Que cres que desexaba representar o pintor con esa imaxe?


Capítulo 36

O día do enterro, o narrador observa o aprecio que sentían as xentes do lugar polo pintor, que chegara tan só sesenta e nove días antes; descobre rostros coñecidos que lle fan lembrar os seus paseos por Auvers, Chaponval e Pontoise.
Como era chamado polos nenos do lugar? Lembras o motivo?


O narrador queda impresionado pola dor sincera que manifesta Theo e polas palabras do doutor Gachet. Este di que Vincent amou dúas cousas sobre todo. 
Cales?



O narrador pousa un ramo de malvas na tumba do artista e vaga polos arredores pensando en suicidarse, pero afortunadamente non o fai.


Como acaba a novela?

No hay comentarios:

Publicar un comentario